HISTORIA DO PAZO
foto: fachada frincipal en ruinas alá pola década dos 80.
As orixes.
O nacemento da actual parroquia de Mos está ligado á construción do Pazo e ó asentamento nestas terras da familia Quirós Sotomayor, emparentada con Pedro Álvarez de Soutomaior, o mítico Pedro Madruga.
A mediados do século XIII aparecen as primeiras referencias escritas sobre a "Terra de Molis", dividida naquel tempo en dúas parroquias: San Tomé ao sur e Santa Baia ao norte.
Xa a finais do século XVI aparecen na historia os primeiros señores de Mos, Alonso de Quirós e María Sotomayor, que unifican as dúas igrexas e comezan a levantar os muros do Pazo. Non era a primeira construción destas características que se erixía na parroquia. Se facemos caso á toponimia, nas proximidades do actual edificio atopamos un lugar coñecido como "O Pazo Vello". O nome ofrece pistas sobre unha antiga edificación da que hoxe non queda vestixio ningún.
O primeiro señor de Mos elixiu o lugar coñecido como A Escocha para erguer a súa casa e a nova Igrexa de Santa Baia. Construíu arredor do edificio principal outras sete vivendas de planta baixa para o servizo do Pazo, dando orixe, deste modo, ó primeiro núcleo urbano da parroquia de Mos. Dende ese momento, A Escocha comezou a ser coñecida como A Rúa.
foto: a fachada do pazo en 2008, meses antes da inauguración.
Apoxeo e decadencia.
O pazo construído polos primeiros señores de Mos estaba composto só polas dúas primeiras plantas da ala que dá á "Plazuela", o espazo público no que se celebraba o mercado semanal, cada luns, entre 1753 e 1808. A terceira planta do edificio e a ala disposta en paralelo ao Camiño de Santiago non se construirían ata o século XVIII. O Pazo estaba en obras no ano 1708 e a capela de San Brais, anexa ó edificio, foi inaugurada en 1721, co gallo da confirmación dos sete fillos do Marqués.
Ata 1686 a casa de Mos non tiña título nobiliario. A distinción de Marqués conseguiuna ese mesmo ano o oitavo señor de Mos, Gabriel de Quirós, de mans do rei Carlos II. Case un século despois, en 1776, o cuarto marqués, Benito Correa y Sarmiento, conseguiría ademais o recoñecemento de Grande de España. Os marqueses, ao conseguir os máis altos recoñecementos nobiliarios, comezaron a pasar máis tempo na Corte e menos en Mos.
En 1809 unha partida do exército de Napoleón atravesa a vila de Mos no seu camiño cara a Tui. Os soldados tiñan a misión de reforzar a presenza francesa na cidade, pero non lles foi posible e tiveron que dar media volta prendendo lume, en represalia, ós edificios máis sobranceiros que atopaban no camiño. Entre eles estaba o Pazo de Mos. Anos máis tarde, uns ladróns incendiaron a parte que aínda seguía en pé. Cincuenta anos despois do momento de maior esplendor do marquesado, o pazo xa estaba en ruínas.
foto: Estado ruinoso no que se atopaba o pazo na década dos 80.
A recuperación para os veciños.
O Pazo deixou de ser a residencia dos marqueses de Mos, os seus donos despreocupáronse e a ruína do edificio acelerouse. A herdanza pasou dunha xeración a outra ata a morte, sen descendencia directa, do marqués Antonio Aguilar y Correa no Castelo de Soutomaior. Os bens do marquesado pasaron a mans dunha sobriña que puxo en venda o Pazo de Mos. O edificio e o terreo ciecundante foron pasando por distintas mans ata que, a mediados do século XX, unha cooperativa agrícola os adquiriu para construír unha granxa de gando vacún.
Os veciños seguiron celebrando a misa de San Brais na capela durante moitos anos e a vida social da parroquia transcurría, en boa medida, no entorno do palacio. Por iso se revelaron cada vez que os propietarios trataron de rodear cun valo a antiga casa señorial. Sucedeu en tres ocasións: en 1925, en 1940 e en 1972.
A Asociación de Veciños Santa Baia solicitou formalmente, en 1979, a cesión do Pazo a Euloxio Gomez Franqueira, e en febreiro de 1981 pasou a mans da parroquia de Mos. Comezou nese momento un longo proceso de xestións para recuperar o edificio. En 1991 os veciños cedéronllo ó Concello, que constituíu unha escola-obradoiro para iniciar as obras. Dez anos máis tarde, ante a falla de avances, o pobo volveu tomar as rendas do proxecto. e en 2008 o edificio cobrou nova vida como local veciñal e dinamizador cultural.
foto: vista do edificio dende o sur
*Esta recopilación foi elaborada polo "Foro de Estudos Mosenses" para a edición dun tríptico para a Fundación Pazo de Mos.