lunes, 26 de marzo de 2012

OS DATOS HISTÓRICOS

 


O EXÉRCITO DE NAPOLEÓN PASOU POR MÓS



SITUACIÓN XERAL:
         Corre o ano 1807, o rey de España Carlos IV e o seu valido Godoy firman un tratado con Napoleón Bonaparte, que pretende conquistar Portugal. A esta política opónse o príncipe de Asturias, Fernando VII, heredeiro do trono.
                Coa escusa de conquistar Portugal, os franceses apodéranse das desmanteladas fortalezas españolas de toda a península, aumentando a desconfianza sobre as verdadeiras intencións de Napoleón. Carlos IV abdica a favor do seu fillo no mes de marzo, pero as tropas francesas non aceptan a Fernando VII e forzan a Carlos IV,  que termina por deixar a coroa en favor do mesmo Napoleón. Esta situación provoca levantamentos (coma o do 2 de maio de 1808 en Madrid) contra o exército invasor por todo España. Organízase un exército e mándanse comisionados a Londres solicitando a colaboración de Inglaterra.
 Os ingleses ven neste feito a oportunidade de frear o avance imperialista de Napoleón e acordan enviar dous pequenos exércitos para axudar ós españois a frear as pretensións do francés.
                O 15 de xuño, José Bonaparte (Pepe Botella), irmán de Napoleón, foi nomeado Rei de España e redacta unha nova constitución, que non é aceptada polo pobo español. Os partidarios de Fernando VII constitúen a “Junta Suprema Central” para ordear a vida económica e militar do país mentres o heredeiro ó trono permanece no cautiverio.
                Napoleón en persoa, á fronte dunha tropa de 250.000 veteranos, entra en España o 8 de novembro, ocupando a capital o 20 de decembro. O o seu irmán Jose I Bonaparte ninstálase no Palacio Real.

NAMENTRES, NA GALIZA:
        O Marqués de Valladares, ó mando do rexemento de infantería de León, chega a Vigo co batallón da provincia de Ourense para declarar nesta vila a Fernando VII, Rei de España. Máis tarde este rexemento incorpórase ó exército de Galicia, deixando a praza de Vigo indefensa. As autoridades locais convocan ós veciños para que se alisten na chamada milicia honrada, co obxectivo de defenderse ante a previsible chegada dos franceses, aínda que 1808 remata sen que ningún francés apareza por aquí.


CRONOLOXÍA:

XANEIRO DE 1809:
Ó comezo de 1809 a división inglesa mandada polo xeneral Moore fuxe do centro de España perseguida polo exército do xeneral Soult e o mesmo Napoleón.
Os ingleses retroceden cara A Coruña, onde teñen pensado embarcar (a flota que nese momento estaba en Vigo) para fuxir do país. Antes, prodúcese a batalla de Elviña, na que 16.000 ingleses tratan de parar o avance dun exercito de 50.000 franceses que, dirixidos polo mariscal Soult, invaden Galicia. Os ingleses embarcan os días 17 e 18 de xaneiro, abandonando a cidade de A Coruña que non pode facer outra cousa que renderse.
Día 20: Os veciños de Vigo realizan protestas e prenden a varios mandatarios da vila acusados de “afrancesados” pola pasividade de varios persoeiros ante un inminente ataque dos franceses.
Día 21: Parte do exercito inglés (aliado de España) chega a Vigo perseguido polos franceses. Despois de permanecer 5 días en Vigo, embarcan en barcos ingleses rumbo ó seu país, deixando ós veciños de Vigo preocupados e decepcionados por este abandono. Soamente deixaron en terra doce canóns para a defensa de Vigo.
Unha forte columna de cabalería lixeira do exército francés diríxese dende Santiago a Pontevedra, Tui (capital da provincia) e Vigo co obxectivo de apoderarse desta praza forte e cortarlle o paso ó Marqués de la Romana, que se dirixe a este porto con 2.560 homes, restos do exército de Galicia.
Día 31: Os franceses rodean as murallas de Vigo. A xente opónse a entregar a vila sen ofrecer resistencia pero o comandante militar convence ós veciños, advertindo que nese momento non contan con máis de 300 homes para defende-las murallas fronte todo un exército.

FEBREIRO DE 1809:
Día 4: As autoridades entregan a vila e ás catro da tarde  entran dous escuadróns de franceses pola porta da Gamboa. Os franceses quedan admirados ó ver que se entrega sen opoñer resistencia unha praza forte provista de artillería e municións. Ó mesmo tempo as autoridades locais facilitan a retirada -pola porta da Falperra- dos soldados españois que forman a guarnición e que fuxen agochados para unirse máis tarde ós grupos armados que se irían formando pola comarca.
                Á entrada dos franceses, a meirande parte dos franciscanos do convento de Sta. Marta saen de Vigo vestidos de paisano.
Un destes frades, o Padre Francisco Giráldez,  acompañado de Andrés Villageliú, diríxese ó Val da Louriña ca misión de organizar ó pobo contra os franceses. … de quién puedo dar exacta cuenta porque lo observe de cerca, y no obstante que este religioso no parece sobresaliente, puedo asegurar que se portó con arrojo y valentía de un soldado veterano…
 Estes relixiosos encabezan os movementos de defensa contra o francés en tódalas comarcas da provincia de Tui, convertendo o seu convento de Sta. Marta nun baluarte da independencia en Galiza.

Día 5: Entran pola porta do Sol 1.200 soldados franceses de infantería.
Día 8: 450  franceses completan a ocupación de Vigo. O Mariscal Soult instala o seu cuartel xeral e dende aquí prepara a invasión de Portugal. Os invasores xa ocupan Baiona, A Garda, Tui, Salvaterra e Porriño, e toda a comarca ten que manter a este exercito.
Día 15: O Mariscal Soult sae de Vigo con intención de cruzar o Miño por A Guarda para invadir Portugal. Este feito reduce a guarnición francesa que queda na vila e axuda ás autoridades viguesas a organizar  unha acción conxunta coas partidas armadas da comarca.
Día 17: Unha brigada do exercito francés sae de Vigo para unirse ás forzas do Mariscal Soult que están concentradas no Baixo Miño. Na praza quedan soamente 2.000 franceses, moitos deles enfermos e feridos, namentres os veciños aproveitan esta situación para sacar da vila municións (grazas o Padre Andrés Villageliú) e organizar as xuntas de defensa.
Día 20: Por estas datas, Francisco Giráldez xa ten organizado o seu grupo de xente armada na xurisdición de Sto. Antoíño.

MARZO DE 1809:
 
Día 1: O pobo proclama a Giráldez comandante xeral do Val da Louriña e inicia o cerco a Vigo á fronte de 800 homes.
Día 8: A xente de A Guarda acude a reforzar ós guerrilleiros que xa rodean Vigo.
Día 11: Súmanse as xentes de Sto. Antoíño, Fragoso e Baiona que comandados por Giráldez teñen o propósito de reconquistar Vigo.
                Mentres, os guerrilleiros de outras comarcas rodean a cidade de Tui, para evitar que as tropas francesas desta cidade acudan en axuda dos ocupantes de Vigo. A estas alturas xa non había pobo que non estivese levantado en armas contra o francés. 
Día 14: Un destacamento de 500 franceses baixa de Pontevedra, chegando a O Porriño a mediodía. Pola tarde toman dirección a Vigo  polo camiño de Puxeiros, onde estan as forzas comandadas polo Padre Giráldez e José Benito Bernardez, caudillo da xuridiscción de Sto. Antoíño, para impedirlles o paso atravesando árbores e construíndo balados de pedra no camiño.
foto: o caudillo de Sto. Antoiño, José Benito Bernardez, e  Francisco Giraldez comandante da Louriña. na representación de Arde o Pazo 2009.
Deste suceso hai que dicir que 22 homes armados conseguen rexeitar a cabalería francesa, cargando sobre eles con fouces e chuzos cando se lles acaba munición e causándolles 16 mortos, entre eles un tenente coronel. Ademáis, collen 11 prisioneiros, 2 cabalos, 20 fusiles, 3 reloxos de peto, 4 pistolas e outras xoias. Os nosos sufren tres mortos e un ferido.
Os franceses volven intentar pasar monte arriba entre Sta. Mariña de Cabral e Bembrive pero Giráldez sáelles ó paso, matando a 6 franceses e facendo 5 prisioneiros. Giráldez perde soamente dous homes e persegue ós franceses ata O Couto, onde dan morte ó comandante francés. Estas accións obrigan ós franceses a retirarse a Tui e desde ese día as tropas invasoras mantéñense concentradas tras as murallas de Tui e Vigo, sen atreverse a intentar saídas en masa.

Día 15:  3.300 soldados forman a guarnición francesa de Tui.
                Comezan as accións contra os ocupantes da praza de Vigo. Os franceses intentan unha saída e son rexeitados en Castrelos.
Día 16: Os franceses intentan unha nova saída e outra vez son rexeitados polos nosos. Almeida, o famoso capitán portugués pide a rendición á guarnición francesa que non queren renderse a un exército de paisanos.
                O Marqués de la Romana (xefe do exercito de Galicia) manda a varios capitáns para que reforcen o cerco sobre a praza forte de Vigo, entre eles Cachamuíña e o capitán Colombo.
Día 18: Establécese en Sta. Cristina de Lavadores o cuartel xeneral das nosas tropas.
Día 21: O capitán Bernardo González “Cachamuíña” e designado para acudir ó asalto a Vigo.
Día 22: 1.600 soldados franceses do exercito do mariscal Ney, que veñen de Santiago e chegan a Pontevedra. Teñen orde de socorrer ás tropas francesas sitiadas en Vigo.
                Pablo Morillo encárgase de frealos, desfacendo dous arcos da ponte de San Paio (Arcade) coa axuda de guerrilleiros de Marín.
Día 23: Aparecen na ría dúas fragatas inglesas, chamadas polos franceses para tratar de parlamentar e renderse ante eles.
Por estas datas Giráldez manda facer 15 escalas de corda para o asalto das murallas. E os paisanos, ansiosos de acabar co francés,tratan de escalar as murallas.

Día25: Pablo Morillo deixa forzas defendendo o paso de Ponte Sampaio e volta a Vigo con 300 homes  mandados polos capitáns Cachamuíña e Colombo.
                Ó chegar a Sta. Cristina de Lavadores (cuartel xeral) intentan coller o mando da situación pero os caudillos que xa formaban o cerco néganse a aceptar isto, xa que prefiren seguir baixo o mando do abade de Valadares.
Día 26:  Cachamuíña parlamenta cos da praza esixindo a rendición pero os franceses poñen condicións que non son aceptadas polos nosos.
Giráldez preséntase ante o consello de xefes reunido en Lavadores e comunica que a súa xente e todos en xeral “estaban resueltos y animados a dar el asalto, para cuyo efecto había mandado hacer las escalas que presentaba”.
                Cachamuíña comunica ó francés Chalot (gobernador de Vigo) a orde de entregar a praza antes do 27, en caso contrario asaltarán a praza escalando os muros.
Día 27: Chalot preséntase de novo a parlamentar buscando escusas que só buscan gañar tempo á espera da chegada de reforzos.
“…en esto se mandó dar aguardiente a la gente y pasó orden a la gente el bizarro Cachamuiña para aproximarse a la plaza…”.  As forzas de Cachamuíña avanzan sobre O Castro de Vigo, mentres os de Fragoso ameazan a porta da Ribeira e os de Sto. Antoíño a porta da Gamboa.
D. Pablo Morillo, coronel das forzas galegas, manda que as dúas fragatas inglesas fondeadas na ría  disparen os seus canóns sobre os castelos de O Castro e San Sebastián.
O combate empeza as nove da noite e as forzas comandadas por Giráldez (Sto. Antoíño e Val da Louriña) son destinadas xunto coas de Cachamuíña para atacar a porta da Gamboa. Tentan asaltar as murallas coas escalas que mandara facer Giráldez pero non o conseguen ante os disparos dos franceses.
“Un heroe anónimo das forzas de Giráldez berrando de carraxe colleu a machada e comezou a racha-la porta baixo os disparos do inimigo, que ó pouco remataron coa súa vida ”, logo recolleu a mesma machada o mítico Cachamuíña (de gran estatura e forza) que conseguiu botar abaixo a porta aínda que resultou ferido por catro balazos.
“…al comandante de las fuerzas de La Gamboa le ha muerto el hachero, después de abrir y franquear la puerta, y tuvo un herido solo, que fue Santiago Martín, que le atravesó una bala un brazo…”.
foto: Alarma de Sto. Antoiño atacando a porta da Gamboa na festa da Reconquista (2011)

Ás once da noite os franceses réndense, dispoñéndose a abandonar a praza na mañá seguinte. 
Día 28: Os vencidos embarcan nos barcos ingleses deixando atrás 39 pezas de artillería, municións, cabalos, carros e 117.000 francos entre outras cousas.
Ó mesmo tempo recíbese o aviso de que 400 franceses de Tui veñen a socorrer ós de Vigo. Os nosos córtanlles o paso en Castrelos e fánnos retroceder, perseguidos por todas partes con tal acerto que soamente chegan de volta a Tui 17 ou 18 soldados.
Giráldez e José Benito Bermúdez (Sto. Antoíño) coa xente ó seu mando van polo lado de Rebordáns e o monte San Julián (Aloia), xunto a xente da Louriña e Cotobad.
Día 29: Cachamuiña é nomeado comandante e gobernador militar da praza de Vigo.
Día 30: Os xefes que participaron na reconquista de Vigo acordan acudir en axuda das forzas que rodean Tui (capital de provincia e cidade dende o século XII). Estes xefes non se poñen de acordo na forma de conquistar a cidade (o parecer todos queren mandar).

ABRIL DE 1809:

Día 5: O tenente coronel García del Barrio faise nomear xefe do asalto (uns dín que foi un pésimo dirixente, outros, que os subalternos non obedecían as súas ordes).
Día 6: Primeiro ataque para tomar por asalto Tui, que é rexeitado polos franceses. Téntase conquistar a cidade antes da chegada dunha columna do exercito francés que ven dende Pontevedra a marchas forzadas.
Día 9: García del Barrio manda poñer cinco canóns e un morteiro polo lado de San Julián.
Día 10: Ás sete da mañá, Giráldez advirte que non hai tropa para defender os canóns e que a súa forza de paisanos non ten máis ca 3 cartuchos por home. Entón, preséntase ante García del Barrio queixándose do perigo desta situación.
Mentres, o oficial ó mando da batería manda disparar sen facer caso das advertencias de Giráldez. Os franceses, vendo que os canóns están desprotexidos, saen da cidade para apoderarse deles. As forzas de Giráldez (sen munición) tratan de rexeitar ó inimigo e logran salvar nove carros de metralla e o morteiro.
Cando os franceses ven chegar ás tropas de Almeida e ás de Victoria e de Lobera, que son as que teñen que defender a batería, foxen para pórse baixo a protección da artillería de Tui.
Del Barrio cre que os franceses se retiran e dá orde ás nosas tropas para que deixen de perseguilos. De súpeto, os franceses dan volta e contraatacan cargando sobre os paisanos.
…¿pero los paisanos se retiraron? No por cierto pues el Padre Giráldez viendo que algunos determinaban por hacerlo, al ver que la tropa se retiraba, se va al tambor (que estaba tocando retirada), lo tira, y súbese a una alta peña con un saco de municiones debajo del brazo y comienza a exortarles y decirles:  “en la disposición que los enemigos vienen, si huímos, somos muertos; marchemos a ellos, y obliguémoslos a retirarse a la Plaza.”…
Segue el coa súa xente atacando ó inimigo e perseguíndoo ata as mesmas portas de Tui, de xeito que si as tropas de Almeida, de Victoria e de Lobera non se retiraran, poideron conquistar a cidade nese día. 
Este segundo intento de asalto a Tui tampouco ten éxito e o exército galego perde as pezas de artillería que trouxera de Vigo. Este mesmo día ás doce da noite o xeneral del Barrio dá orde de levantar o cerco (cando sabe que por Valença do Miño achéganse reforzos franceses).
Esta vez Giráldez xunta as súas forzas de paisanos e preséntase ante Del Barrio e outros dirixentes protestando:
“…que no le parecía oportuno levantar el cerco de Tuy; pues los paisanos solos sin tropa habían obligado a retirarse a los franceses dentro de Tuy, como lo habían hecho en Vigo y Puente de San Payo cuando era menos gente y no tenían armas y municiones que tenían ahora, ya tomada Vigo
O xeneral non o considera oportuno, pero Giráldez protesta: “que seguiría en el cerco y que se volvería a formar el sitio ”.
Ás 5 da mañán preséntase Giráldez en Vigo ante o recentemente nomeado gobernador militar Cachamuíña para que manden “bajo pena de la vida a que los caudillos volviesen a formar el cordón de Tuy”. Cachamuíña dá facultades plenas a Giráldez para que no seu nome chame ós caudillos de Sobroso, Salvaterra, Arbo, Crecente e Achas sendo el mesmo quen ordea acudir ós de Fragoso, Baiona e A Guarda.
Día 11: A paisanaxe proclama ó Padre Giráldez, comandante de los valles de Louriña y Sto. Antoíño. O comandante da Louriña, abade de San Pedro de Cela, é vítima da carraxe dos paisanos, que están a piques de queimarlle a casa por acatar as ordes de retirada do xeneral Del Barrio o día anterior. 

Día 12: O cerco sobre Tui volve a estar como no día nove. Pola tarde acórdase atacar Tui  no día seguinte.         Os franceses comprenden que non poderán aguantar en Tui e abandonan a cidade co material de guerra que deixara alí o mariscal Soult. Os enfermos e feridos son enviados a Braga e Porto.
Día 13: Ás sete da mañá recíbese aviso da chegada das tropas do xeneral Maucune, 3.500 franceses que veñen a marchas forzadas dende Pontevedra e xa pasaran Ponte Sampaio.

foto: o terrible xeneral Maucune. 

ARDE O PAZO

 
Cando Giráldez sabe isto decide saírlles ó paso a altura de Guizán e Mos, por ser sitios vantaxosos. O comandante non considera oportuna esta acción pero Giráldez decide atacalos, dando mostras novamente da súa capacidade de liderazgo entre a paisanaxe.
                Cando chega a Mos chega ós seus oídos que os franceses xa pasaran os sitios vantaxosos de Guizán e manda á súa xente agocharse para deixar pasar a vangarda composta de moita cabalería. Coloca 50 tiradores por Carracido e corenta polo lado de Petelos (Veigadaña) esperando pola retagarda francesa de trescentos homes que quedaran no mercado de Mos (no pazo).
                A vangarda francesa sae de O Porriño ás tres da tarde con dirección a Tui. Ó chegar a retagarda a altura de As Angustias (Mos - Porriño) sáen os paisanos dos dous lados do camiño, perseguindo ós invasores ata as Gándaras de Budiño. Neste lugar teñen un enfrontamento no que os franceses vense obrigados a deixar atrás mochilas, galiñas e todo que roubaran polo camiño (no mercado de Mos); tamén deixan algúns mortos e un par de prisioneiros.
                O exército invasor acampa en Guillarei, vendo que non podían pasar o cerco de Tui e que os seus compatriotas de Tui xa fuxían da cidade por Valença do Miño.
                As forzas de Giráldez mantéñense sempre enriba do campamento inimigo ata as doce da noite, hora na que o xeneral Maucune emprende a retirada a Santiago. De volta cometen as atrocidades acostumadas, pegando lume a Guillarei, Budiño, Atios e O Porriño. En Sanguiñeda prenden lume a casa de Josef Casqueiro (sarxento de gandeiros de Tui) e matan ó cura de Pereiras (Manuel Rosendo).
Perseguidos pola paisanaxe, queiman todo o que atopan á beira do camiño sen atreverse a saír del. No Amieirolongo arrasan a capela de San Francisco sen deixar rastro dela (tal vez por vingarse dos frades franciscanos,…). Ó mesmo fixeron na Veigadaña, Os Baños, Mos – onde queiman o Pazo dos Marqueses-, Louredo, Saxamonde, Vilar, S. Esteban de Negros, Redondela, etc ,…
foto: os Marqueses de Mós, Benito Correa e Dona Felicidad (2011).

                En Redondela matan cen persoas e no Porriño sesenta, pero dos 3.000 soldados do xeneral Maucune non regresan a Santiago máis da metade.
Destacan daquela dous mosenses:
                D. Josef Benito Bernárdez: grande en tódalas súas accións, puxo moito valor en todo o que se propuxo. Buscou cartos, pólvora e axudou a Giráldez para que todos os que tiñan reloxo deran as pesas para municións. Nunca se desanimou este valente caudillo de Sto. Antoíño, encargándose de gardar os pasos de Puxeiros (cara Vigo) e do Galleiro (Pontevedra-Tui).
                Entre os paisanos destaca a figura dun veciño de Petelos, Juan Araujo, sempre valente enfrontouse el só a unha garda de vintecatro franceses e matou a oito deles. 

“… Sería una injusticia no hacer público el especial mérito y patriotismo de P. Fray Francisco Giráldez, que sigue en el servicio en calidad de capellán del tercer batallón del regimiento de la Unión. “Verdaderamente que, siendo ciertos sus servicios, debe ocupar una praza de más lucro y dignidad y no dudo que, justificándolos, le atiendan con particular distinción los padres de la Patria”…
“…es lo que sé de los hechos de la provincia de Tuy, como testigo ocular y hombre de armas”
                                             Q.B.S.M. / comandante de tiradores de uno de los valles de Tuy “.
7 e 8 de Xuño: Célebre batalla de Pontesampaio, na que o exercito francés (12.000 de infantería e 1.400 de cabalería) é derrotado definitivamente, resultando 894 homes mortos e máis de 3.600 feridos que son abandoados polo camiño. O mariscal Ney, que invadira Galiza cun exercito de 42.000 homes, fuxe do noso País cos restos do seu exercito (12.000 aprox.). Tamén, o exercito de Soult retrocede a Zamora, quedando o Reino de Galiza liberado do invasor.
 
 
* por Marcos Escudero.


Bibliografía:
M. Pardo de Andrade: Los guerrilleros gallegos de 1809.
José de Santiago: Historia de Vigo.
Avelino Rodriguez Elías: La reconquista de Vigo.
Xosé Mª Álvarez Blázquez: La ciudad y los días.
Javier Baquero Rotea: Datos históricos del ayer y hoy de Mos.