Mostrando entradas con la etiqueta Historia do Pazo de Mos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Historia do Pazo de Mos. Mostrar todas las entradas

sábado, 31 de marzo de 2012

O PAZO DE MOS


HISTORIA DO PAZO



foto: fachada frincipal en ruinas alá pola década dos 80.

As orixes.

O nacemento da actual parroquia de Mos está ligado á construción do Pazo e ó asentamento nestas terras da familia Quirós Sotomayor, emparentada con Pedro Álvarez de Soutomaior, o mítico Pedro Madruga.

A mediados do século XIII aparecen as primeiras referencias escritas sobre a "Terra de Molis", dividida naquel tempo en dúas parroquias: San Tomé ao sur e Santa Baia ao norte.
Xa a finais do século XVI aparecen na historia os primeiros señores de  Mos,  Alonso de Quirós e María Sotomayor, que unifican as dúas igrexas e comezan a levantar os muros do Pazo. Non era a primeira construción destas características que se erixía na parroquia. Se facemos caso á toponimia, nas proximidades do actual edificio atopamos un lugar coñecido  como "O Pazo Vello". O nome ofrece pistas sobre unha antiga edificación da que hoxe non queda vestixio ningún.

O primeiro señor de Mos elixiu o lugar coñecido como A Escocha para erguer a súa casa e a nova Igrexa de Santa Baia. Construíu arredor do edificio principal outras sete vivendas de planta baixa para o servizo do Pazo, dando orixe, deste modo, ó primeiro núcleo urbano da parroquia de Mos. Dende ese momento, A Escocha comezou a ser coñecida como A Rúa.

foto: a fachada do pazo en 2008, meses antes da inauguración.

Apoxeo e decadencia.

O pazo construído polos primeiros señores de Mos estaba composto só polas dúas primeiras plantas da ala que dá á "Plazuela", o espazo público no que se celebraba o mercado semanal, cada luns, entre 1753 e 1808. A terceira planta do edificio e a ala disposta en paralelo ao Camiño de Santiago non se construirían ata o século XVIII. O Pazo estaba en obras no ano 1708 e a capela de San Brais, anexa ó edificio, foi inaugurada en 1721, co gallo da confirmación dos sete fillos do Marqués.

Ata 1686 a casa de Mos non tiña título nobiliario. A distinción de Marqués conseguiuna ese mesmo ano o oitavo señor de Mos, Gabriel de Quirós, de mans do rei Carlos II. Case un século despois, en 1776, o cuarto marqués, Benito Correa y Sarmiento, conseguiría ademais o recoñecemento de Grande de España. Os marqueses, ao conseguir os máis altos recoñecementos nobiliarios, comezaron a pasar máis tempo na Corte e menos en Mos.


En 1809 unha partida do exército de Napoleón atravesa a vila de Mos no seu camiño cara a Tui. Os soldados tiñan a misión de reforzar a presenza francesa na cidade, pero non lles foi posible e tiveron que dar media volta prendendo lume, en represalia, ós edificios máis sobranceiros que atopaban no camiño. Entre eles estaba o Pazo de Mos. Anos máis tarde, uns ladróns incendiaron a parte que aínda seguía en pé. Cincuenta anos despois do momento de maior esplendor do marquesado, o pazo xa estaba en ruínas.

foto: Estado ruinoso no que se atopaba o pazo na década dos 80.

A recuperación para os veciños.

O Pazo deixou de ser a residencia dos marqueses de Mos, os seus donos despreocupáronse e a ruína do edificio acelerouse. A herdanza pasou dunha xeración a outra ata a morte, sen descendencia directa, do marqués Antonio Aguilar y Correa no Castelo de Soutomaior. Os bens do marquesado pasaron a mans dunha sobriña que puxo en venda o Pazo de Mos. O edificio e o terreo ciecundante foron pasando por distintas mans ata que, a mediados do século XX, unha cooperativa agrícola os adquiriu para construír unha granxa de gando vacún.

Os veciños seguiron celebrando a misa de San Brais na capela durante moitos anos e a vida social da parroquia transcurría, en boa medida, no entorno do palacio. Por iso se revelaron cada vez que os propietarios trataron de rodear cun valo a antiga casa señorial. Sucedeu en tres ocasións: en 1925, en 1940 e en 1972.

A Asociación de Veciños Santa Baia solicitou formalmente, en 1979, a cesión do Pazo a Euloxio Gomez Franqueira, e en febreiro de 1981 pasou a mans da parroquia de Mos. Comezou nese momento un longo proceso de xestións para recuperar o edificio. En 1991 os veciños cedéronllo ó Concello, que constituíu unha escola-obradoiro para iniciar as obras. Dez anos máis tarde, ante a falla de avances, o pobo volveu tomar as rendas do proxecto. e en 2008 o edificio cobrou nova vida como local veciñal e dinamizador cultural.


foto: vista do edificio dende o sur


*Esta recopilación foi elaborada polo "Foro de Estudos Mosenses" para a edición dun tríptico para a Fundación Pazo de Mos.